|
O
grupo de folk Veria, de Cospeito, intenta recuperar a música que
se facía nestas terras anos atrás. Así, forman
parte do repertorio pezas que tocaba 'Alegría de Muimenta',
cuarteto que estivo en activo entre os anos 1946 e 1962, amenizando
bailes de salóns e romarías da Terra Chá e
arredores. Tamén se recolleron pezas de Antonio da Ermitas,
gaiteiro de Pino, e trovas de Antonio Camba e Josefa da Fraga. No
repertorio tamén teñen cabida composicións dos
membros do grupo e temas tradicionais.
Cóllase
un anaco de banda un domingo pola mañá, unhas pingas de
charanga, o fol dunha gaita vella, unhas ledas cantareiras, uns coiros
de cabuxo ben tesos, adóbese ó xeito tradicional,
bótese todo a ferver no escenario e velaí a receita:
“música pra botar un pé”.
|
 |
|

Así se titula o noso primeiro traballo discográfico no que quixemos
botar unha ollada na música que se facía na bisbarra da
Terra Chá a mediados do século pasado. A meirande parte
das melodías son recollidas a músicos que tocaban naquela
época ou a xentes que se lembran daqueles tempos e que nolas
cantaron. A
finalidade desta música era, maiormente, para os bailes e
romarías que se facían ó ar libre ou en
salóns.
|